75 FERROL, DE XANEIRO A DECEMBRO. FESTAS, FASTOS E NEFASTOS

 

Un dos nosos lectores fainos notar, con razón, que os traballos do Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) sempre aparecen no idioma castelán. O seguinte traballo, que atinxe ás diferentes festas, fastos e nefastos que teñen ou tiñan lugar na nosa cidade estará escrito no idioma galego.

As festas e os fastos forman parte da memoria colectiva e do acervo cultural dos pobos, sendo un indicador da evolución dos seus usos e costumes. No agro, as festas sempre seguiron o ancestral calendario das estacións atmosféricas e os ciclos do Sol e da Lúa, adaptándose aos traballos do campo e á evolución das colleitas.

Do mesmo xeito, a Igrexa, co seu secular sincretismo e sabedoría, adaptou as celebracións dos seus santos e santiños ás festas profanas e pagás e ás crenzas populares que celebran os ciclos do tempo. Non obstante, certas celebracións como os fiadeiros, as mallas e as esfolladas, ou costumes como as cinzarradas, as regueifas e os bailes de tranca, perdéronse ou consérvanse de xeito case testemuñal.

Por outra banda, as cidades e vilas importantes, máis cosmopolitas e indolentes que as aldeas e cunhas tradicións de menor raizame, escollen os meses do verán como a época axeitada para celebrar as festas, ás veces sen coincidir coa data do patrón. O ciclo festivo de Ferrol amosa ao longo do ano unha serie de fastos que mesturan celebracións relixiosas coas festas populares, unhas inventadas e outras de fonda tradición e con pegada propia na urbe. Mentres o rural galego celebra na primavera a Festa do Cabalo, sexa a rapa das bestas ou os curros dos cabalos cimarróns, Ferrol ten a súa propia Festa do traslado do Cabalo da praza de España, sen periodicidade fixa, ante o abraio ou simplemente a curiosidade de propios e estraños.

                                                                   Festa do Cabalo. Ano 2002

Ferrol ten como patrón a San Xulián, un dos santos de haxiografía máis variada, celebrando a súa festa o sete de xaneiro, cando o bispo Cuadrillero consagrou un tal San Xulián de Antioquía como patrón de Ferrol, importando do mosteiro de Samos as súas reliquias, na contra do sentir popular que celebraban desde tempo inmemorial a San Xulián de Vienne. Apoiado por un bando do Alcalde Álvarez Caballero, que instituíu a Función con Voto o ano 1786, a Festa de San Xulián co paso dos anos perdeu a súa relevancia, quedando tan só os insulsos fastos protocolarios do Concello, incluído o invento do arroz con leite, nun día festivo que os veciños aproveitan para acudir ás rebaixas, ben en Ferrol ou ben na Coruña.

As seguintes son as Festas do Entroido. Na súa antiga orixe latexa un dobre senso anovador da vida, un deles de orixe pagá proclamando o fin do inverno e outro de tradición cristiá anunciando o comezo da Coresma. Os seus arraigados festexos na Galicia rural subsisten en lugares como Verín, Laza e Xinzo de Limia en Ourense, Chantada en Lugo e na comarca do Ulla en Pontevedra, comezando no Domingo Fareleiro, seguindo cos Xoves de Comadres, e rematando no Domingo de Piñata.

Os carnavais urbanos teñen certa tradición italiana, amosando algunha entidade desde o século XIX en Vigo e A Coruña. No caso de Ferrol consta a súa celebración regulados en bandos municipais desde o ano 1784. Na súa dobre vertente, unha máis popular e barullenta nas rúas e outra máis elitista nos teatros e sociedades, tivo o seu maior auxe a cabalo dos século XIX e XX, coa celebración da corrida do galo, os desfiles de comparsas e carrozas e os bailes de disfraces no Teatro Jofre e nas sociedades recreativas.  

Nos últimos anos xurdiu unha nova sinal de identidade do carnaval ferrolán, unha ruidosa pléiade de mozos e mozas vestidos de monos de traballo que, nun alarde de imaxinación e bo gusto, percorren as rúas, mesmo si cadra, lanzando ovos a algún parvo viandante. Cumpre significar que renaceron das cinzas as comparsas, mentres que unha das tradicións máis arraigadas, o Enterro da Sardiña, simbolismo cristián do xaxún na Coresma, mantén a súa concorrida celebración no barrio de Ultramar.


                                                               Festa das Pepitas, anos 1886 a 1986

San Xosé, o pai nutricio de Xesús, festexa no mundo cristián, desde a Idade Media, un dos nomes máis usados en Galicia, prostituído ultimamente pola connotación comercial de ser o Día do Pai. En Ferrol ten o especial relevo de levarse a cabo na súa véspera a animada Noite das Pepitas, de fonda tradición musical, que ten o innegable éxito de encher de visitantes as rúas ferrolás.

A celebración de San Xosé Artesán naceu a fins do século XIX, nunha festa comezada polas rondallas dos traballadores do sector naval, que combinaban as cancións tradicionais de Ferrol coas habaneiras e a música de alén o mar. Hoxe en día é unha das festas máis arraigadas na cidade, xa coa incorporación da muller, aínda que sería desexable máis roldas nas rúas e prazas e menos fastos nas sociedades recreativas. Cumpre lembrar que as cancións das Rondallas e da tradicional Noite das Pepitas foron reproducidas por varios escritores ferroláns.

Os actuais desfiles das Festas da Semana Santa constitúen a manifestación pública dunha relixiosidade popular que levou á rúa, na forma de procesións itinerantes, as antergas escenificacións do teatro medieval celebradas na propia igrexa, representando a Paixón, a Morte e a Resurrección de Cristo. Aínda que estas celebracións se remontan ao medievo, a Semana Santa ferrolá documéntase desde o ano 1616, coa presenza das confrarías do Santísimo, do Rosario e das Ánimas, e coa Cerimonia do Desencravo o Venres Santo na Praza Vella.


 Procesión do Venres Santo

Coa soleira dunha poboación de aluvión, as procesións modularon as súas antigas tradicións con influxos relixiosos e culturais de lugares como Cádiz, Castela e Cartagena. Resultou así unha Semana Santa sobria e disciplinada, dotada dunha ricaz imaxinería e ornato floral, que combina de xeito ecléctico a cultura, o turismo e a devoción popular, aínda que precisa máis sordina e menos tamborradas nas bandas e bandurrias acompañantes e fáltalle recobrar a súa autenticidade histórica ao Cristo dos Navegantes. Nos últimos tempos adoece tamén dalgúns discutibles aditamentos folclóricos e da tristeira ausencia das notables revistas Ecce Homo e Arimathea.

No luns de Pascua celébrase a Romaría de Chamorro, xa perdida na brétema do tempo a romaría de San Roque e esquecidas as festas de troula e xantar dos soutos de San Pedro e San Xoán de Filgueira. A ermida da Virxe do Nordés, aínda hoxe de discutible propiedade privada, xurdiu da cristianización de vellos cultos arredor da Pena de Embade integrada na capela. No día da festa, desde a mañanciña ata o solpor, os romeiros repártense o escaso espazo arredor do santuario para mercar as candeas e degustar as rosquillas. Séguense a celebrar na comarca as romarías relixiosas do Voto de Chanteiro e de San Antonio da Cabana, así como a civil Romaría do Pote en Maniños.

As cerimonias e ritos da Festa dos Maios, son restos de vellos cultos de orixe agrícola, celebrando a volta da primavera e o renacer da natureza, e festexando o comezo do bo tempo coa floración e a frutificación dos vexetais. A propia Igrexa, coa súa habitual adaptación, integrou estas antigas costumes agrarias nos seus ritos relixiosos, convertendo as festas de Maio na Festividade da Santa Cruz. Mentres, nun concello veciño, os celtistas de baixa intensidade recuperan da noite dos tempos a festa de Aureana, a lenda da Pena Molexa e o Oenach da Feira do Trece.  


                                                          Os Maios de Canido

En Ferrol, a vella aldea de Canido tivo de sempre unha dedicación agrícola, o que explica que o barrio alto da cidade siga a manter ritos e costumes propios do rural galego. Por iso, aínda hoxe a procesión e a festa relixiosa da Santa Cruz e os fastos profanos de Os Maios mantense no barrio ferrolán, adobiando o secular cruceiro da praciña de Canido con plantas e flores, e erixindo altares vexetais nas prazas e rúas do barrio, como mostra da conservación das antigas tradicións veciñais.

En xuño, coincidindo co solsticio de verán, celébrase a Festa de San Xoán, o santo de culto máis intenso en Europa. Son abondosas as tradicións desenvolvidas nesta festa arredor do culto ao sol, dos baños nas ondas da mar e do uso das augas das fontes  coas herbas sanxoaniñas, fiúncho, loureiro e sabugueiro, mentres que a Terra e Mar de Ferrol presenta a singularidade de celebrar nestas datas os fastos das Sardiñadas Culturais, adobiadas coa presenza dos inefables políticos.

A tradición máis coñecida nesta data é a das Luminarias de San Xoán, unhas cacharelas acesas na véspera do Santo. Ergueitas con fins purificadores nas prazas e encrucilladas, persisten arredor delas vedrañas costumes como recoller a leña corenta días antes, saltalas un número impar de veces ou bailar as mozas e mozos arredor do fogo, mentres que as emerxentes tribos urbanas galegas se incorporan malamente a esta vella tradición celebrando os seus botellóns, unhas degradadas festas do viño e licores, ao tempo que prenden lume ás fogueiras que enchen de lixo as praias de Riazor, Panxón, Samil e outras.

Xa non teñen lugar en Ferrol as grandes luminarias de antano, como a de Canido, baixando cara a fonte de Insúa, ou a da estrada de Castela, no cruce de San Xoán de Filgueira, acesa tralo paso do derradeiro tranvía camiño de Cocheras. Algúns barrios ferroláns seguen a prender lume ás fogueiras na véspera de San Xoán, salientando a monumental luminaria, onte acesa fronte ao Cuartel de Dolores e hoxe levantada na praza de Ferrándiz, mais sempre coa concorrida presenza dos veciños de Esteiro.


                                                                         Luminaria de Esteiro

As vilas costeiras renden culto e celebran a Festa da Virxe do Carme, patroa da xente do mar, celebrándose o 16 de Xullo vistosas romarías marítimas, portando a imaxe carmelita, por rolda ou por sorteo, as embarcacións dos pescadores. Desaparecidas ao final do pasado século XX as procesións do Carme no porto de Ferrol Vello e en San Felipe, nas comarcas de Eume y Ortegal salientan aínda hoxe as tradicionais celebracións nos portos de Redes, Pontedeume e Cariño, mentres en Ferrol ten lugar unha aséptica e restrinxida celebración por parte da Armada.

As festas patronais de Ferrol foron substituídas o ano 1896 polas laicas Festas do Marqués de Amboage, esquecido benfeitor da cidade, nas máis axeitadas datas do verán. Tempo atrás estes festexos tiveron gran sona, asistindo moitos visitantes no derradeiro día de agosto aos Fogos de San Ramón, un dos de maior renome en Galicia. Co paso do tempo, esta festividade perdeu a súa identidade, celebrándose o mes de agosto as chamadas Festas de Verán, unha serie de nefastos actos dispersos, coa presenza de abondosos triunfitos, naranjitos e outros espectáculos anódinos e sen interese, que ás penas conectan cos veciños.

Festas de Amboage

Non estaría de mais que estas festas tivesen un pouco máis de coherencia. Entre outras trapalladas, aducindo presuntas razóns de seguridade, a sinal de identidade das festas, os fogos de Amboage, leváronse cada vez máis lonxe do seu lugar inicial na praza do Marqués, primeiro ao peirao de Curuxeiras e logo á enseada da Malata, quizais rematando un ano destes no castelo de San Felipe, para que ese senlleiro monumento sirva para algo máis que para facer acampadas.

Mentres tanto o desaproveitado recinto feiral de Punta Arnela, que algúns veñen a chamar Feira da Longaniza, non é quen de ofrecer unha atraínte programación de actividades festivas como as que alí tiñan lugar noutros tempos. Agora que desapareceu a Festa da Queimada ou de Lume Bóo, inventada por un tal Fraga Iribarne aló polo Pleistoceno, quizais algunha desas coñeras tribunas, foros, tertulias e fiadeiros da urbe ou esas noviñas e entusiastas asociacións de amigos da lírica e da épica, que de xeito abondoso xorden en Ferrol como as setas no monte ou as terrazas nas rúas, poidan servir de alicerce a novas actividades festivas, diferentes daquel invento do Equiocio, hoxe exiliado en Covas.

Ademais das festas ¿maiores? da urbe, os barrios da cidade (Canido, Esteiro, Caranza, Inferniño) e as parroquias dos arredores (A Graña, San Xurxo, Doniños, Serantes, Santa Mariña) manteñen as súas festas patronais, adaptándoas como poden á evolución dos gustos populares, mentres que ao inicio do milenio perdéronse as históricas e lembradas Festas da Parrocheira celebradas moitos anos en Ferrol Vello, nome posto na honra da popular Virxe do Socorro, cuxo manto pagaban “mota a mota” tódolos anos as peixeiras (“parrocheiras”) do barrio.


                                                                 Festas da Parrocheira. Ano 2010

O mes de Novembro é tamén pródigo en celebracións populares na terra galega. Iniciase cos Días de Santos e Defuntos, datas na que se visitan os cemiterios para poñerlles flores e honrar aos defuntos, nunha celebración de especial raizame no ámbito rural, onde subsiste no imaxinario popular a idea de que a parroquia dos mortos acompaña aos vivos no seu tránsito polo mundo. Todo o contrario do hoxe considerado politicamente correcto nas asépticas tribus urbanas, que tenden a esconder aos sempre molestos mortos ou, como moito, reducen a súa presenza a actos puramente simbólicos.

Unha arraigada tradición galega, a Festa do Magosto, segue viva en moitos lugares. No ámbito rural significa a festa do lume, das ánimas do Purgatorio, dos colariños de zonchos e do viño novo, nas datas de Santos ata San Martíño, cando ten lugar a Matanza do porco, costume ritual de gran relevo na economía familiar galega. Nos derradeiros anos, en moitos lugares da Terra e Mar de Ferrol, celébrase de xeito mimético entre a xente moza uns fastos a medio camiño entre a emerxente festa celta das caveiras do Samaín e o hiperenxebrismo dos importados festexos do Halloween anglo-saxón.

O ciclo do Nadal abonda en vedrañas costumes e festas tanto cristiás como profanas. Nas Festas de Nadal mantense a Misa do Galo na Noiteboa e o canto das panxoliñas na compaña de cunchas, ferriños e pandeiros, aínda que desapareceron os tradicionais aninovos e os reises. Vellas costumes como deixar un prato na mesa para os familiares mortos, a prohibición de varrer a cociña para non botar as almiñas fora do lar ou manter o Tizón de Nadal aceso toda a noite como protección cara aos espíritos malignos, ás penas se manteñen no mundo rural. Mesmo perdéronse os pratos típicos destas festas como a coliflor con bacallau, substituído polos fastos do inevitable marisco.

                                                                    Festas de Nadal e dos Reis

Hoxe en día o mundo urbano, alienado pola cultura de masas e mediatizado polas grandes superficies, mudou o seu comportamento cara a unhas Festas de Nadal e Festas dos Reis de deseño dirixido e de patróns obrigatorios. Agroman novas costumes, como a horterada de colgar dos balcóns aos Reis Magos, Papa Noel ou o Neno Xesús, costume que, ademais de ofender ás santas conciencias laicas de certas persoas, non reflicten a verdadeira realidade de que os que hoxe realmente entran nas casas (non sei se con permiso da autoridade competente) son os okupas e certas bandas de cidadáns doutras latitudes.

Corren malos tempos para a lírica e a utopía; as toliñas autoridades seguen a celebrar a plena Festa da Estupidemia. O tempo será testemuña se os cambios sufridos pola sociedade tiveron lugar para a nosa mellora como persoas e cidadáns. Algúns coidamos que, a pesares do pregoado espírito de Nadal, a pobreza, a soidade e a marxinación que sofren moitos semellantes nesta sociedade cosmopolita (ou globalizada, como algúns din agora), faise aínda máis ostensible nestas insoportables datas de consumo inmoderado.

A Festa da Estupidemia

Festa no Centro Cultural Municipal

Fai poucos anos que un membro do Concello debeu pensar que o Centro Cultural de Ferrol podería celebrar a Festa de San Camulo, colocando no seu patio o rechamante busto do persoeiro ferrolán, un pedrusco que non quería ver nin a súa familia. Que o Demo lle conserve o oído ao concelleiro, porque a vista xa perdeuna.


 

 

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario